Friday 03 de May de 2024

A Xunta destaca que a igualdade no traballo aumenta a competitividade das empresas, mellora o clima laboral e reduce o absentismo


― A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe por videoconferencia nunha reunión da comisión de igualdade laboral que integran a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e compañías ourensás

― A Xunta incrementou este ano nun 30,6% o programa de axudas destinado a promover entre os autónomos e as pequenas e medianas empresas (pemes) a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE)

― Mancha puxo en valor o novo espazo dixital de teleformación en igualdade laboral que ten posto en marcha a Xunta con cursos sobre conciliación, teletraballo ou prevención do acoso, entre outros

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe a importancia da igualdade no traballo, xa que sinalou que non só aumenta a competitividade das empresas e retén o talento, senón que tamén mellora o clima laboral e reduce o absentismo. Mancha participou nunha reunión da recente creada comisión pola igualdade laboral que integran a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e compañías da provincia ourensá, onde avogou por seguir aunando esforzos entre todos os axentes implicados nesta materia e as administracións para conseguir unha verdadeira igualdade laboral.

Para acadar a igualdade no traballo, a directora xeral de Relacións Laborais expuxo os recursos dos que dispón a Administración autonómica galega para impulsar, entre outros, a conciliación e a corresponsabilidade. Neste senso, apuntou que o teletraballo é unha modalidade laboral que está a ter “unha importante influencia” na conciliación. Tamén referiuse á importancia dos plans de igualdade nas compañías como medida para a mellora da corresponsabilidade.

A Xunta promove entre os autónomos e as pequenas e medianas empresas (pemes) a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) con axudas que incrementou este ano nun 30,6%, polo que o orzamento sumou máis de 2,6 millóns de euros.
O Goberno galego apoia con este programa a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo e para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coa finalidade tamén de promover o uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC).

O programa, ademais de apoios para o teletraballo, inclúe axudas para impulsar a flexibilidade horaria nos centros de traballo, apoios para a elaboración de diagnoses en materia de igualdade e de plans de igualdade e a implantación das súas primeiras accións, así como a contratación dunha persoa experta para asesorar á empresa en todo este proceso. Así mesmo, este programa de Emprego e Igualdade tamén facilita ás empresas e autónomos a obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE). É preciso lembrar que Galicia é pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar un verdadeiro emprego estable e de calidade. En 2012 foi unha das primeiras comunidades en poñer en marcha un plan específico.

Teleformación en igualdade
Mancha, para rematar, referiuse á plataforma en liña que xa ten en marcha a Consellería de Emprego e Igualdade con accións formativas para fomentar, formar e sensibilizar á sociedade en materia de igualdade laboral efectiva entre homes e mulleres. Este espazo, cuxa oferta formativa estase a difundir por medio da dirección web https://igualdade-laboral.gal/, propón cursos de carácter gratuíto sobre temas relacionados coa conciliación e a corresponsabilidade, o rexistro retributivo, o acoso laboral ou o teletraballo, entre outras temáticas.

O próximo 20 de outubro comezará un curso teórico-práctico sobre a prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo no traballo e un curso básico en igualdade laboral.